Friday 26 de April de 2024

A Xunta completa a reforma de instalacións eléctricas e a substitución de luminarias en Mañón, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Alfonso Balseiro Gómez, asinaron as actas de recepción das obras

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Mañón, Alfonso Balseiro Gómez, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O acto tivo lugar na Delegación Territorial, na Coruña.
En total, investíronse máis de 102.309 euros no proxecto de eficiencia enerxética en diferentes alumeados ao longo do Concello, xa que se rexistraron actuacións nos lugares Vilar, Fraixo, San Fiz, Ribeira, Barral, A Carreira, Outeiro, Vilariño, A Casa Nova, Grañas, Castiñeira, estrada da Deputación en San Fiz, na praza do Mesón, en O Barqueiro, na área recreativa de Esteiro, en A Pena Blanca e en Soutullo.
Ademais da substitución de preto de 170 puntos de luz para aforro na iluminación pública do Concello, a subvención da Xunta de Galicia destinouse á reforma de cadros de mando e á instalación de luminarias con lámpadas de VASP. As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.

No caso de Mañón, o municipio alberga 73 aeroxeneradores. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial